Bacteroides fragilis

Bacteroides fragilis é unha especie de bacterias gramnegativas con forma de bacilo, anaerobias obrigadas (ou nanoaerobias[1]) que viven no tracto intestinal.[2]

A especie B. fragilis pertence a un grupo de especies similares chamado "grupo B. fragilis". As bacterias do "grupo B. fragilis" son as Bacteroidaceae que se illan máis comunmente en infeccións anaerobias, especialmente nas que se orixinan por microorganismos da flora gastrointestinal. B. fragilis é o organismo máis común do "grupo B. fragilis", xa que supón entre o 41% e o 78% dos illados do grupo. Os organismos do "grupo B. fragilis" son resistentes á penicilina porque producen beta-lactamase, e por outros factores descoñecidos.[3]

Antes o primitivo taxon B. fragilis era máis amplo e era subdividido en subespecies, que eran: ssp. fragilis, ssp. distasonis, ss. ovatus, ss. thetaiotaomicron, e ss. vulgatus, pero agora todas esas subespecies foron reclasificadas formando especies separadas baseándose en estudos da homoloxía do seu ADN. Este conxunto de especies forman o "grupo B. fragilis".[4] Actualmente, a especie chamada B. fragilis corresponde á antiga subespecie B. fragilis ssp. fragilis, que se illa con frecuencia do sangue, fluído pleural, fluído peritoneal, feridas e abscesos cerebrais.

Aínda que as especies do "grupo B. fragilis" son as que se atopan máis comunmente en mostras clínicas, son as menos comúns das especies do xénero Bacteroides presentes na flora fecal, onde só supoñen o 0,5% das bacterias presentes nas feces. A patoxenicidade deste grupo de organismos probablemente se orixine pola súa capacidade de producir material capsular, que as protexe da fagocitose.[5]

  1. Morris, Rachel L.; Schmidt, Thomas M. (2013). "Shallow breathing: Bacterial life at low O2". Nature Reviews Microbiology 11 (3): 205–212. PMC 3969821. doi:10.1038/nrmicro2970. 
  2. "Hopkins ABX Guide" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2012. Consultado o 01 de decembro de 2013. 
  3. Snydman DR, Jacobus NV, McDermott LA; et al. (2010). "Lessons learned from the anaerobe survey: historical perspective and review of the most recent data (2005–2007)". Clin. Infect. Dis. 50 (Suppl 1): S26–33. PMID 20067390. doi:10.1086/647940. 
  4. Baron EJ, Allen SD (1993). "Should clinical laboratories adopt new taxonomic changes? If so, when?". Clin. Infect. Dis. 16 (Suppl 4): S449–50. PMID 8324167. (require subscrición (?)). 
  5. Wexler HM (2007). "Bacteroides: the good, the bad, and the nitty-gritty". Clin. Microbiol. Rev. 20 (4): 593–621. PMC 2176045. PMID 17934076. doi:10.1128/CMR.00008-07. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search